O XURADO DO CONCURSO DE CARTEIS DA 56ª FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO REÚNESE PARA ELIXIR A OBRA GAÑADORA
A selección farase no Consello Regulador (Ribadavia) e presentarase a medios sobre as 13 hs.
O xurado do Concurso de Carteis da 56ª Feira do Viño do Ribeiro reunirase mañá, 21 de febreiro, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2019, que terá lugar na vila ribadaviense do 3 ao 5 de maio. Nesta edición, rexistráronse un total de 185 carteis procedentes do territorio nacional e algúns internacionais.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia, coorganizadores da feira, repiten a fórmula do concurso para a elección do cartel anunciador da 56ª Feira do Viño. Nesta edición participan artistas de renome, axencias, deseñadores gráficos así como afeccionados que a través deste concurso poderían atopar unha ferramenta para a difusión da súa obra.
Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 56ª Feira do Viño do Ribeiro conta cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das 185 obras participantes serán sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.000€.
Participan como membros do xurado:
- Luis Vázquez, xerente do C.R.D.O. Ribeiro.
- María Touza, concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia.
- Francisco Javier Pérez, de AGAFE (Asociación Gallega de Ferias y Eventos).
- Francisco Sánchez, deseñador gráfico.
- Jaime Díaz, de Incubarte, creatividad multicanal.
- Rosiña Rojo, de Brétemas Estudio.
Todas as obras serán sometidas a un proceso de votación por cada membro do xurado, do que resultará, por consenso de todos os membros, a obra gañadora desta edición.
O fallo do xurado presentarase aos medios de comunicación o mesmo día arredor das 13.00 horas e posteriormente se presentará a Feira do Viño do Ribeiro da man dos coorganizadores en diferentes cidades de Galicia.