UN TOTAL DE 170 VIÑOS DA D.O. RIBEIRO DISTINGUIDOS CON MEDALLA NA ‘GUÍA DE VINOS Y BODEGAS DE GALICIA 2019’
O autor da publicación, Luis Paadín e o presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares, presentaron onte a guía que premia a preto dun 20% máis de viños da D.O. Ribeiro que na anterior edición
Un total de 170 viños da D.O. Ribeiro, de 63 adegas distintas, resultaron como distinguidos pola Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia 2019, do sumiller, docente e catador, Luis Paadín e editada por Servino Consulting. 18 acadaron medalla de Gran Ouro, 100 medalla de Ouro e 52 foron distinguidos con medalla de Prata.
A presentación da guía realizouse onte pola tarde na sede do Consello Regulador, en Ribadavia, da man do propio autor da publicación, Luis Paadín, e do presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares. Este último comentou que “este incremento nas distincións é unha recompensa enorme ao bo facer das adegas e viticultores, incluso nuns anos onde as condicións climatolóxicas non axudaron demasiado”.
Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia 2019
É o sétimo ano consecutivo que esta Guía se edita polo sistema de micro-mecenazgo que, nesta edición con máis de 200 mecenas, non admite publicidade de adegas nin de marcas a fin de conservar a independencia coa que foi concibida.
Nesta edición de 2019 aparecen máis de 1.000 fichas de cata, coa totalidade das adegas e destilerías de Galicia amparadas referenciadas.
Esta Guía de Vinos de Galicia logrou posicionarse como un referente no panorama vitivinícola nacional e internacional, así o acreditan os galardóns como os Gourmand Awards na categoría de Premio Espacial do Xurado como Mellor Libro de Bebidas do Mundo 2017 e como Mellor Libro de Viño e Turismo de España 2013.