ALBERTE MONTES ARRINCA SORRISOS EN OURENSE
Bodegas Loeda, situada en Sampaio, Ribadavia, presentou onte os seus viños, Catro Parroquias Treixadura e Viña Leda, na segunda das xornadas do ciclo “Cata a Arte” da man do representante da adega, Damián Varela, acompañados do monólogo de Alberte Montes. O evento tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a exposición “Transitar a ruina”, que conta a historia dun camiño que comezou intuitivamente hai uns anos Neves Seara.
Alberte Montes é actor, guionista, director, locutor… Na súa faceta de actor ten participado en varias ficcións, a máis coñecida foi Fariña, emitida en Antena 3, e actualmente está a traballar nun proxecto televisivo para a TVG. Como humorista formou parte do elenco de Comedy Central e xira por toda España cos seus espectáculos de monólogos. No apartado televisivo destaca tamén como colaborador na canle GOL participando en dous dos seus programas, «Los lunes al Gol» e «Los Infiltrados». Durante a acción cultural, o artista desenvolveu o seu espectáculo: Galego pode selo calquera…: Ser galego é doado? Depende. Os galegos temos un xeito de ser característico e diferenciado doutros pobos e culturas que nos rodean. “Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de autoxenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas.”
Nesta sexta edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Cáritas Diocesana de Ourense, que que abarca diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.
Viño e arte
O ciclo celebrarase durante os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 7 ata o 28 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais.
O vindeiro xoves, 21 de novembro, continuaremos coa cata de Nairoa que presentará os viños Alberte e Val de Nairoa, arroupados pola música country de Os Forasteiros. E para rematar esta sexta edición, o broche final poñerao o 28 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa música jazz do grupo carballinés 4Mal Quartet Jazz.