PRESENTÁSE EN SANTIAGO A XXVII FEIRA DO VIÑO DE VALDEORRAS, QUE LEVARÁ AO BARCO 22 BODEGAS DA DENOMINACIÓN DE ORIXE
Esta será unha edición especial para o sector vitivinícola da comarca, xa que o Consello Regulador está celebrando o 80 aniversario da súa fundación.
O evento cambia de localización a un emprazamento máis céntrico e amplía nun día a súa duración, co obxectivo de gañar en visitantes.
O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, acompañado do director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria -AGACAL- Martín Alemparte Vidal presentaron este martes ante os medios de comunicación a XXVII Feira do Viño de Valdeorras.
O evento desenvolverase do 29 ao 31 de maio no Barco de Valdeorras e conta coa participación de 22 adegas da denominación de orixe. Esta é unha edición especial para o sector vitivinícola da comarca, posto que o Consello Regulador está celebrando o 80 aniversario da súa fundación. Para celebralo, a Feira experimenta este ano varios cambios, pensados para ampliar o volume de visitantes e facela crecer.
A presentación desenvolveuse na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos. O encargado de abrir o acto foi o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, quen enmarcou a decisión de facer a presentación en Santiago na celebración do 80 aniversario da entidade. “O feito de acadar as oito décadas de traxectoria convértenos no segundo consello regulador vitivinícola máis antigo de Galicia”, subliñou. “Celebramos oito décadas de esforzo compartido en torno ao viño nun territorio no que este produto forma parte esencial da nosa cultura e, tamén, da nosa identidade”.
Prada aludiu tamén ao 50 aniversario do Proxecto Revival, a iniciativa que supuxo a recuperación de cepas autóctonas de godello. “Somos o berce do godello e toda a variedade deste tipo de uva que existe no noso territorio procede dos inxertos daquel viveiro”, sinalou, aludindo ao “crecemento exponencial” na demanda destes viños. É por iso, explicou, que o cartel desta edición da feira se centra na variedade co lema “Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras”.
O director de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, incidiu no papel da feira na oferta turística de Galicia, salientando o gran esforzo que se está facendo tanto desde o Consello como desde o empresariado valdeorrés. Incidiu no papel do Consello, que en 80 anos deu mostras dun gran labor de superación, de saber poñer en valor os seus viños e o potencial da zona.
Pola súa banda, o director da AGACAL, Martín Alemparte, destacou como a feira “une territorio e tradición” e salientou o papel das denominacións de orixe neste contexto.
Novidades
O primeiro cambio é a localización, que se traslada ao Campo da Festa no Paseo do Malecón do Barco. Ademais, suma un día, comezando o venres. O horario será:
- Venres: 19:30 – 00:00
- Sábado: 12:30 – 14:30 e 20:00 – 00:00
- Domingo: 12:00 – 16:00
A programación inclúe catas, showcookings e actividades infantís. Destacan a cata de viños da D.O. Valdeorras con produtos de Artesanía Alimentaria, e o showcooking de Xosé Manuel Mallón.
A programación infantil desenvolverase no Xardín Botánico, con inchables, obradoiros, pintacaras e xogos tradicionais.
Previo á feira terá lugar a Ruta dos Pinchos da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, en colaboración con AEVA.
Adegas participantes: A Cova da Xabreira, Adega A Bágoa, Adega A Coroa, Adega Alan de Val, Adega Arnadoval, Adega Melillas – Lagar do Cigur, Adega O Casal, Adega O Cepado, Adega Quinta da Peza, Barón do Sil, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Bodega Godeval, Bodega Hacienda Ucediños, Bodega Roandi, Bodega Sampayolo, Bodega Santa Marta, Bodegas Blare, Cía. Vinos Telmo Rodríguez, D’Berna, Terriña, Viña Costeira e Virgen del Galir.