ABANCA E O CRDO VALDEORRAS RENOVAN A SÚA ALIANZA PARA FACILITAR FINANCIAMENTO AO SECTOR NO ARRANQUE DA VENDIMA
ABANCA e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras renovaron esta mañá a colaboración que manteñen en materia financieira. O convenio asinado recolle as principais peticións do sector e ofrece opcións de crédito con condicións preferentes para as adegas e viticultores coincidindo coa campaña da vendima, que comezou o pasado 21 de agosto.
O presidente do Consello Regulador Denominación de Orixe Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, e o coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román, rubricaron en Vilamartín de Valdeorras este texto que amosa o compromiso da entidade financieira cun sector clave da economía produtiva do interior de Ourense e estratéxico para Galicia. Estiveron acompañados polo coordinador de ABANCA Agro, Alberto Silva Riadigos, polo director oficina de ABANCA na localidade, Roberto Cortizo e pola secretaria do Consello Regulador, Patricia de Andrés Vales.
O acordo pon a disposición dos integrantes desta denominación de orixe a oferta sectorial vitivinícola de ABANCA. Este catálogo de produtos recolle alternativas de crédito que abordan especialmente algunhas das necesidades máis esenciais das adegas e os viticultores. Así, os produtores poderán acceder a préstamos específicos con prazos de amortización amplos e xuros baixos, ademáis de a outros produtos como liñas de comercio exterior, financiamento a través de leasing, avais e anticipos de subvencións ou impostos.
Do mesmo xeito, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos agricultores, ABANCA ofrecerá aos interesados seguros específicos para o sector como a Liña Agro Seguro, o Seguro de Explotación Agraria, o Seguro Casas de Labranza, o Seguro de Maquinaria Agrícola ou o Seguro Peme Adegas, entre outros.
Ademáis, en liña co compromiso do banco, de apoiar a transición dos seus clientes cara un modelo económico máis sostible, o convenio inclúe opcións de financiamento con condicións vantaxosas para a adquisición de de activos fixos, novos ou de segunda man que teñan como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética, así como o anticipo de subvencións vinculadas a proxectos ligados á sostibilidade.
O CRDO Valdeorras é unha das denominacións de orixe máis recoñecidas de Galicia. Emprazada nas superficies vitícolas dos municipios ourensás da Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá ou Vilamartín, os seus viños son recoñecidos internacionalmente.
Pola súa parte, ABANCA conta cunha división especifica centrada nas necesidades do primario: ABANCA Agro. Nela, agrupa un catálogo específico de produtos, xestores especializados e respostas adaptadas ás necesidades deste sector clave para a comunidade galega.