O CRDO RIBEIRO E O CENTRO CULTURAL MARCOS VALCARCEL PRESENTAN O CICLO CATA EL ARTE
A actividade conta con presentacións e degustacións de viños de cinco adegas así como accións culturais paralelas e celebraranse os xoves de novembro e a primeira quincena de decembro
O C.R.D.O. Ribeiro vén de presentar esta mañá o ciclo Cata el Arte, que se desenvolverá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e que inclúe presentacións e degustacións de cinco adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia acompañadas de accións culturais paralelas como teatro, maxia, danza, poesía, música… Na presentación participaron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez, o director do CC Marcos Valcárcel, Francisco González Bouzán, o asesor de Cultura de Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, o deputado de Cultura, Manuel Doval, a directora de relacións institucionais de ABANCA, María José López Rubal, un dos artistas que repiten participación, o Mago Deimi e os representantes das adegas colaboradoras do ciclo.
Esta serie de catas comeza mañá e continuará durante todos os xoves ata o 10 de decembro. O pistoletazo de saída poñerao na xornada de mañá Adega Pousadoiro, que realizará unha dobre cata vertical dos viños Pousadoiro e Norte y Sur, acompañada da poesía do escritor Carlos Abeledo Maristany, do seu libro Lindos Abrollos. O vindeiro 12 de novembro seguiremos coa cata de Bodegas Nairoa que presentará os viños Alberte e Val de Nairoa
coa maxia, ilusión e humor do Mago Deimi. O 19 de novembro será o momento da realización da cata musical de Ribeiros da man do director técnico do C.R.D.O. Ribeiro, Pablo Vidal en compañía do dúo de guitarra e violín Ad Heyra Liti. O último xoves de novembro, o 26, celebraremos a cata da Bodegas Cunqueiro cos seus viños Cuqueira, Máis de Cunqueiro
e Cunqueiro III Milenium coa representación da obra de microteatro Blancoy en Botella! da man de Martín Vázquez e Jorge Gallardo. O primeiro xoves de decembro será o intre de Bodega Alanís que presentará o seu viño Gran Alanís acompañado da danza contemporánea da Compañía TasPediante – D-OU-TRAS (Aula Danza universitaria de Ourense). E para rematar esta segunda edición, o broche final poñerao Adega Ramón do Casar coa cata vertical do seu viño plurivarietal Ramón do Casar en harmonía coa performance teatral Nexos de Baula Escena.